-
Heredeiros da Crus ‘josan’ e fan ‘josar’ no seu esperado regreso
Había oito anos que non se subían a un escenario, e vinte desde que en 1992 revolucionaron o panorama musical e, máis aínda, cultural e idiosincrásico de Galicia. Con todo, parece que non pasara o tempo: os Heredeiros da Crus, os máis jrandes, regresaron onte en Ordes cun concerto memorable.Desde primeira hora da tarde, Ordes comezou a recibir a centos de mozas e mozos que acudiron desde diferentes puntos de Galicia á localidade coruñesa, en moitos casos organizados en buses. Ás portas da discoteca, facendo cola para coller os mellores sitios fronte ao escenario, ducias de rapaces armados con guitarras e ataviados con disfraces e outros guiños aos Heredeiros caldearon o ambiente coreando as cancións da banda de Ribeira. Ás dez da noite, como estaba previsto, abríronse as portas da discoteca e os fans comezaron a acceder ao recinto, onde puideron desfrutar dos prometido bocatas de nocilla gratis e conseguir algún dos produtos de merchandising deseñados especialmente para a ocasión: camisolas conmemorativas do 20 aniversario, posters, calzóns e tangas. Todos os produtos estarán a partir deste luns á venda na Airapro Tenda.
O grupo Agoraphobia, formado por cinco rapazas de Borio, abriu boca desde as 22:30 cun concerto que de seguro marcará un fito na súa carreira. Logo da actuación das teloneiras e do cambio de equipos no escenario, pasada a medianoite, por fin, os Heredeiros da Crus subiron ao escenario para facer historia.Comezando con ‘Alabaré’ e rematando por ‘A boca do inferno’, interpretaron un tras doutro os mellores temas da súa carreira facendo ‘josar’ literalmente a todo o público presente, que non parou nin por un minuto de corear as cancións, botar e bailar. Unha sensación que se transmitía xa desde o escenario, cos Heredeiros dándoo todo desde o principio ata o final. A actuación -no que os catro Heredeiros (Javi, Tucho, Fran e Tonhito de Poi) estiveron acompañados doutros músicos como o batería, teclado, corista e unha sección de metais- durou case tres horas e media e foi máis que un simple concerto de música para converterse nun auténtico espectáculo: bendicións de viño, striptease integral, público no escenario, disfraces varios de Tonhito de Poi, Javi e Tucho… Momentos memorables nos que non faltaron os saúdos a todos os fans que quedaron sen entrada (todos os billetes esgotáronse en 48 horas desde que saíron á venda) e xestos inesquecibles como o abrazo final dos catro Heredeiros, visiblemente emocionados, de riba do escenario.Un evento que movilizou a case 30 xornalistas e fotógrafos, 20 técnicos, dous equipos de vídeo e realización con sete cámaras e outras 40 persoas entre persoal da organización e de sala. Un espectáculo coproducido con éxito pola firma carralesa Airapro e LP-45 Producciones, que se desenvolveu sen incidentes e que, como recoñeceu o propio Javi onte no escenario ante o seu público, superou as súas mellores expectativas: “O lema deste regreso foi ‘Volven os máis jrandes’, e iso non é verdade… Os máis jrandes sodes vós!” Un merecedísimo recoñecemento á comunidade de fans de Heredeiros, que onte demostrou ser das máis entregadas, fieis, divertidas e activas do mundo enteiro. E é que boa parte do público que acudiu onte a Ordes non chegaba aos 25 anos, unha boa proba do fenómeno cultural que foron os Heredeiros da Crus para milleiros de rapaces e rapazas galegos nos anos 90.Queda agora no aire a posibilidade de ofrecer máis concertos ou mesmo de volver aos estudos, cuestións que se irán resolvendo nas próximas semanas. -
Os planos de LP-45 para este sábado
Que ninguén se perda, que todo o mundo saiba onde pedir copas, onde ir mexar e onde gardar a roupa. Aquí vos quedan os planos de LP-45 para este sábado:


-
Información da Airapro Tenda: Todos os que teñades que recoller entradas mercadas por internet, poderédelo facer o sábado a partir das 20.00 horas nunha porta anexa á principal de LP45, xusto ao carón. Levade xustificante de compra + DNI!
Airapro Tenda -
A tres días do concerto aproveitamos para achegarvos este resumo de todo o que temos preparado para este sábado… O prezo das bebidas, o merchandising, a festa ROCK con DJ Randy para cando remate o concerto, os horarios… Que ninguén veña con dúbidas!
-
Cobertura do 3-M: #volvenosmaisjrandes
Un rejreso tan agardado merece unha cobertura especial. Volcámonos co 3-M: o día no que LP-45 acollerá a 3500 almas gozando coas cancións que non retumban nun escenario desde hai tantos anos. E facémolo aproveitando o que vinte anos atrás, cando “naceron” os Heredeiros, non tivemos ocasión de empregar:
No Twitter oficial do regreso (@HDC20anos) actualizamos a información de xeito constante desde este mesmo momento, dando conta de todas as novidades sobre o concerto de Ordes e recordando os principais puntos a ter en conta para vivir o concerto do sábado. Tamén a conta de Airapro (@airapro) informará puntualmente sobre o regreso dos Heredeiros da Crus.
Sobre o hashtag #volvenosmaisjrandes agruparase toda a información sobre a cita do sábado, que se complementará co blog, e coa rede social Facebook.
A través das páxinas oficiais de Heredeiros da Crus e de Airapro Producións, canalizarase toda a información, coas mellores imaxes previas, a información máis relevante e ligazóns ás referencias en prensa.
Por último, durante o propio concerto faremos un completo seguimento de todo o que aconteza en LP-45, tanto sobre o escenario como no backstage, nos exteriores e nos accesos.
